E CHEGOU O DÍA EN QUE O JJ COPAS QUEDOU PEQUENO

O III Concurso de Bandas Rock in Río Tea comezaba o pasado mes de febreiro coa difícil misión de, canto menos, igualar o éxito alcanzado nas dúas primeiras edicións.
O comezo non puido ser máis esperanzador: das 29 bandas inscritas en 2015, pasouse ás 57 só un ano despois. Grupos de rock pertencentes ás catro provincias galegas e de lonxe das nosas fronteiras (País Vasco, Andalucía ou Madrid) presentaron as súas credenciais para subirse ao escenario do JJ Copas e loitar polo primeiro premio do certame.
Oito foron as bandas escollidas pola xente do Rock in Río Tea para a disputa da fase final do Concurso: Spoonful, Pelusa e The Shoubinhas Experience (Vigo), Onion Smile (Pontevedra), Derroche (Ourense), Reino Animal (Santiago de Compostela), The Trunks (Sada) e The Dawlins (Madrid). E despois de seis noites de sábado e de Rock&Roll sen concesións, cun JJ Copas cheo sen excepción, os tres xurados (público, organización e xerencia da sala) decidiron que os dous finalistas fosen Spoonful e The Trunks.
E chegou o día da gran final. E chegou o día en que a capacidade do JJ Copas se ía ver excedida por un público entregado ao Concurso e a dúas bandas ás que eles mesmos levantaron ata a final do certame. Foi a última noite de Concurso (ata o vindeiro ano) e os ponteareáns (máis unha morea de foráneos, habituados xa en moitos casos a visitar a nosa vila en ocasións coma a que nos ocupa) non quixeron desaproveitar nin un segundo.
Os de Sada The Trunks impuxéronse nunha axustada votación, facéndose cun primeiro premio de 1.000 euros máis a participación no próximo festival Rock in Río Tea, que se celebrará no parque da Feira Vella ponteareán o vindeiro 2 de xullo.
Gañaron The Trunks e gañou o pobo de Ponteareas. Neste caso, o premio foi unha noite máis de música en directo con dous grupos completamente entregados á causa e coa compañía de amigos (novos e vellos) e veciños sumidos na mesma tolemia. Cantaron, bailaron, saltaron, suaron, elevaron a cada músico física e espiritualmente, facéndoos tocar o teito do JJ Copas. Gañaron The Trunks. Gañaron os ponteareáns, que fixeron que Ponteareas volvera ser capital do Rock&Roll unha vez máis.

Rock in Río Tea.
Ponteareas, 20 de abril de 2016.

Advertisements